Senua’s Saga: Hellblade II chegará a PS5 no verán
mércores, 21 de maio do 2025
Hai un ano chegou a consolas Xbox e PC o xogo Senua’s Saga: Hellblade II, unha agardada secuela que buscaba principalmente fortalecer o prestixio do catálogo de Xbox e levar aos xogadores interesados no tipo de experiencia que achega a subscribirse ao Game Pass (algo curioso se temos en conta que a primeira entrega da saga saíra antes en PS4 que en Xbox One).
Agora que o xogo parece estar amortizado para tal fin, anuncian que Senua’s Saga: Hellblade II chegará a PlayStation 5 no verán, optimizando o xogo para PS5 e PS5 Pro, polo que lle engaden no título a etiqueta de Enhanced, aínda que tal mellora do xogo tamén chegará como actualización de balde para a versión de PC e Xbox Series X|S.
Deste xeito péchase o círculo para os xogadores que se introduciran na saga en PS4 e que agora poderán completala en PS5 grazas á nova política de Microsoft (propietaria do estudio Ninja Theory dende 2018) de levar as súas producións ao meirande número de xogadores posible.
Vídeo no que anuncian a chegada de Senua’s Saga: Hellblade II a PS5