Sancionarán a un avogado estadounidense por usar ChatGPT

martes, 30 de maio do 2023 Marcus Fernández

Os malos usos da intelixencia artificial poden ter consecuencias moi graves, como un caso xudicial que está a transcender aos medios de comunicación, xa que na denuncia do cidadán Roberto Mata contra a aeroliña Avianca por lesións durante un voo figuraban varias decisións xudiciais a xeito de precedentes que nin a defensa nin o xuíz foron quen de confirmar, e resultaron ser invencións de ChatGPT.
O avogado da causa, Steven A. Schwartz (de Levidow, Levidow & Oberman) recoñeceu que utilizou ChatGPT para redactar as 10 páxinas da documentación da súa demanda, sen ter verificado de ningún xeito que a información incorporada ao documento tiña bases reais, algo que sorprende enormemente xa que falamos dun letrado con tres décadas de exercicio, que podería ter que deixar de exercer por mor de tal neglixencia.
Schwartz solicitou clemencia ao xuíz Kevin Castel, asegurando que en ningún momento pretendeu enganar ao tribunal e asegurando que descoñecía a posibilidade de que o contido xerado por ChatGPT puidese ser falso.
O vindeiro 8 de xuño celebrarase a audiencia na que decidiranse as sancións para o avogado que incluíu media ducia de precedentes inventados, práctica que supón toda unha ameaza para o sistema xudicial, polo que probablemente as sancións vaian ser importantes, pois a ignorancia do funcionamento de ChatGPT por parte do avogado deixa aínda máis patente a súa neglixencia.

PUBLICIDADE