Pecha unha das páxinas de descargas máis importantes a nivel mundial

mércores, 31 de maio do 2023 Marcus Fernández

Unha das meirandes páxinas de descargas de ficheiros a través da rede BitTorrent, RARBG, nacida en 2008, vén de botar o peche de xeito abrupto, e sen intervención das autoridades, figurando agora na súa páxina web unha mensaxe na que recoñecen que foi unha decisión propia, asegurando os responsables ter pasado un par de anos moi difíciles (especialmente polo falecemento dun dos membros do equipo por complicacións coa COVID e outros aínda con secuelas que non lles permiten traballar) ao que habería que sumar que hai membros do equipo participando na guerra de Ucraína en ambos bandos.
Aparte da situación persoal e laboral, a face económica do asunto foi crítica, xa que os prezos da enerxía para os centros de datos en Europa afectáronlles seriamente e a inflación tamén provocou que os seus gastos diarios fosen imposibles de asumir.
RARBG destacaba por incluír contidos de calidade (por exemplo, no caso dos filmes non difundía copias gravadas con cámaras de vídeo), e aínda que se converta no meirande peche dunha páxina de descargas en bastantes anos, non hai dúbidas en que aparecerán iniciativas semellantes que queiran ocupar o seu lugar a moi curto prazo.

PUBLICIDADE