PC Fútbol 8 podería lanzarse o 12 de setembro
xoves, 5 de setembro do 2024
O xogo que máis deu que falar ao longo do verán foi para moitos o PC Fútbol 8, non porque vaia ter impacto comercial, senón pola súa nefasta política de comunicación, evidenciada polo anuncio duns 10 adiamentos do seu lanzamento en menos de medio ano (cando nalgún dos casos se supoñía que o xogo chegaría aos seus compradores anticipados en poucas horas), así como no errático comportamento do seu promotor, Héctor Prats, quen reaccionaba ás críticas polo seu mal facer con ameazas, insultos, expulsións de foros e mesmo pechando ao público a canle de comunicación que tiña establecida no seu foro oficial.
Temos un sorprendente caso de promoción feita ao revés, na que de cara ao lanzamento dun xogo en vez de loitar pola visibilidade do proxecto tenta facerse o contrario, chegando incluso a manifestar Héctor Prats que todos os seus compromisos non eran oficiais aínda que cando os realizaba dicía o contrario, acusando á prensa de mentir e aos críticos de querer sabotar o proxecto.
Ante esta situación, na que a credibilidade de Prats é nula, temos un novo comunicado enviado aos que mercaron anticipadamente o xogo, no que deixan claro que están a facer o ridículo, confirman que seguen se devolver os cartos a moitos dos compradores que o solicitaron (ao parecer, só recuperaron os cartos os que pagaron por PayPal, pola propia garantía da fórmula de pagamento) e aseguran que o xogo establece o seu lanzamento oficial o vindeiro 12 de setembro ás 19:30.
O comunicado tamén inclúe un detalle surrealista: aseguran que enviarán copias do xogo á prensa, facendo asinar un compromiso de non divulgación, aínda que non poderán executar o xogo até o lanzamento oficial (que será cando se activarán os números de serie que subministrarán). Tamén aseguran que van achegar algunha copia a colaboradores próximos para que poidan amosar o xogo en directo na Rede unha hora antes do lanzamento. Unha política claramente confusa e arbitraria, que choca co habitual no sector, no que a prensa recibe os xogos con antelación dabondo para poder probalos a fondo co compromiso de non publicar nada até o lanzamento oficial.
En calquera caso, continúan a ser moitas as dúbidas sobre este lanzamento, non só pola data do mesmo, senón polo estado no que poida estar este desenvolvemento, que polo que se puido comprobar con anterioridade ten aínda moito traballo por diante como para ser considerado un produto final.