OpenAI presenta GPT-4

martes, 14 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Tras uns meses nos que a industria tecnolóxica non apartaba a vista de OpenAI e o seu ChatGPT, sistema que funciona con GPT-3, anuncian a nova evolución desta tecnoloxía, GPT-4, un modelo multimodal de maior tamaño, que acepta como entradas texto e imaxes e entrega saídas de texto, que en certos escenarios é capaz de acadar resultados moi semellantes aos que conseguiría un ser humano.
GPT-4 é o novo logro de OpenAI escalando a súa tecnoloxía de aprendizaxe profunda, de xeito que tras meses de adestramento pulindo o que daban en chamar GPT-3.5, achegan esta nova iteración que xa pode probarse a través de ChatGPT Plus ou da API do sistema, ou sexa, que polo momento está limitado a usuarios de pagamento, aínda que xa confirman que esta tecnoloxía está a ser usada polo buscador de Microsoft, así como empresas como Duolingo, Stripe, Khan Academy e moitas outras.
As diferenzas entre GPT-3.5 e GPT-4 poden ser sutís, pero GPT-4 destaca principalmente por ser máis fiable, creativo e capaz de comprender máis instrucións seguidas, o que supón unha mellora significativa en casos prácticos. De feito, someteron a GPT-4 a Olimpíadas de Bioloxía e a exames de avogacía, conseguindo un nivel de acerto do 90% e do 99% respectivamente, o que foi posible en boa medida grazas a que agora o sistema tamén entende imaxes.

PUBLICIDADE