O videoxogo galego GPU Inferno estréase en acceso anticipado

xoves, 22 de maio do 2025 Redacción

O videoxogo GPU Inferno, creado polo ourensán César Morillo Barrios, propón unha orixinal achega ao xénero bullet hell. O xogador ponse á fronte dunha tarxeta gráfica overclockeada que combate unha horda de criptomonedas, virus e procesos maliciosos nunha batalla directa contra a saturación dixital.
No xogo os recursos reais do ordenador son tan importantes como a habilidade do xogador. Cada impacto que recibe o personaxe activa procesos reais que consomen CPU, GPU ou memoria, e cando os fotogramas por segundo baixan dos 30, o xogo remata.
Morillo, que empezou a programar en Unity en novembro de 2024, está a estudar o Ciclo de Especialización en Videoxogos no IES Muralla Romana de Lugo. Malia levar poucos meses desenvolvendo, xa acadou recoñecemento co premio ao Xogo Rookie Máis Innovador no Videoxoga Fest organizado por CESUGA.
GPU Inferno está dispoñible en Steam en acceso anticipado cun prezo de 1,99 euros. Ademais, poderá probarse en directo esta fin de semana en ExpOtaku, onde o seu creador presentará o xogo ao público asistente.

Tráiler de GPU Inferno