O salón Lérez Up regresa a Pontevedra os días 13 e 14 de setembro

venres, 23 de maio do 2025 S. P.

A cidade de Pontevedra prepárase para acoller a cuarta edición da cita Lérez Up, o salón do videoxogo e da cultura friki da cidade, que se celebrará os días 13 e 14 de setembro de 2025 no Recinto Feiral. As entidades organizadoras, o Concello de Pontevedra e Gaming Troop, adiantan que “este sevento consolidouse como un punto de encontro interxeracional para familias, mocidade e persoas adultas apaixonadas polos videoxogos, o cosplay, a cultura xaponesa e o lecer alternativo”.
Respecto do programa e dos formatos de actividades, a Lérez Up regresa con novas propostas como obradoiros, charlas, competicións e espazos pensados para todo tipo de públicos, e faino acompañada dun cartel moi especial deseñado pola artista pontevedresa Paula Cheshire, creadora dos cómics Meigatas e El Duelo. A ilustración, que xa se pode ver nas redes sociais do evento, inclúe pequenos adiantos, a xeito de chiscadelas, do que se poderá atopar ao longo desa fin de semana.
Entre as actividades xa confirmadas para este 2025, destaca o torneo nacional de Smash Bros Ultimate, cuxas inscricións xa están abertas. Esta competición, que se converteu nun clásico dentro do salón, logrou atraer en edicións anteriores a xogadores de toda España e Portugal. Dende a organización do evento Lérez Up agardan repetir ese nivel de participación nesta nova convocatoria, “consolidando o torneo como unha das propostas máis esperadas por todos os competidores”.
Amais, abriranse prazas para os stands de artistas, un dos espazos máis concorridos do salón Lérez Up. “Dirixido a ilustradores, artesáns e creadores que desexen mostrar e vender o seu traballo, este espazo xerou un enorme interese en convocatorias anteriores, chegando a triplicar a cantidade de solicitudes respecto ás mesas dispoñibles”, sinalan os organizadores, engadindo que as bases para solicitar mesa xa están publicadas na páxina web oficial do evento.
Ademais dos espazos para artistas, haberá tamén unha zona destinada a postos comerciais, onde empresas e negocios locais poderán ofrecer os seus produtos ao público. Esta área comercial fornece ás persoas asistentes dunha oportunidade para conectar cun público amplo e consolidado en edicións anteriores.
Polo que se refire ao concurso de cosplay, contará cun xurado profesional de excepción. Skullcaramel, recoñecida cosplayer asturiana, e a madrileña Puchiluh, serán as encargadas de valorar as caracterizacións e actuacións das persoas participantes. A cita volverá encher o salón de actos con máis de 300 persoas para admirar os traxes feitos a man e as interpretacións en escena.
Entre as actuacións destacadas, o compositor e produtor galego Yell0 volverá subirse ao escenario do salón Lérez Up cun novo concerto en directo.
A súa proposta, que segundo lembran dende a organización “xa foi un éxito en edicións anteriores”, combina música electrónica con reinterpretacións de bandas sonoras de videoxogos, ofrecendo un espectáculo pensado tanto para o público máis afeccionado como para quen busca unha experiencia diferente dentro do salón.
A programación deste 2025 volverá incluír unha zona indie dedicada a estudos e desenvolvedores de videoxogos independentes. Este espazo permitirá aos equipos presentar os seus proxectos ao público asistente, recibir opinións, xerar comunidade e establecer contactos con outros profesionais do sector.
“A nova edición do salón Lérez Up, prevista para os días 13 e 14 de setembro, promete ser unha oportunidade única para gozar dunha fin de semana chea de actividades, sorpresas e un ambiente para todas as idades no Recinto Feiral de Pontevedra”, sinalan os impulsores do evento.