O proxecto QUORUM, Premio Impulso Dixital de Galicia do CPEIG

venres, 13 de xuño do 2025 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Impulso Dixital de Galicia ao proxecto QUORUM destinado a impulsar el ecosistema de innovación en tecnoloxías cuánticas en España. O galardón será entregado no marco da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebra o 27 de xuño no Hotel Puerta del Camino de Santiago.
O centro tecnolóxico Gradiant lidera o proxecto, e entre os socios en Galicia atópanse o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a través da Axencia Galega de Innovación, o International Quantum Center de Fujitsu (multinacional xaponesa líder en tecnoloxía), Fidesol, Itecam e QCentroid. Estas entidades únense co obxecto de “crear un entorno colaborativo para fomentar a innovación no campo cuántico en España e situar ao país á vangarda das tecnoloxías do futuro”.
O proxecto QUORUM enmárcase na Convocatoria Ecosistemas Innovación do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI) do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e conta co financiamento dos fondos europeos Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia.
Segundo salienta o CPEIG, o principal obxectivo do proxecto é “consolidar e ampliar a rede de ecosistemas de innovación cuántica en España, cunha base de colaboración público-privada”.
O proxecto actúa como catalizador nacional para que as tecnoloxías cuánticas avancen desde a investigación cara a industria, “cun impacto real no tecido produtivo, a formación e a soberanía tecnolóxica do país”, destaca o Colexio, explicando que se pretende “fomentar a cooperación tecnolóxica entre empresas e outros axentes, como universidades, centros tecnolóxicos e organismos públicos de investigación; impulsar a innovación territorialmente equilibrada, promovendo polos de innovación fóra dos grandes núcleos urbanos; aumentar a participación de empresas en actividades de I+D+i, especialmente en sectores estratéxicos para a economía española; reforzar capacidades científico-tecnolóxicas, incluíndo infraestruturas, talento e transferencia de coñecemento; e favorecer o escalado de startups tecnolóxicas e a atracción de investimento privado”.
Ademais, o proxecto contribuirá á consolidación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, a iniciativa estratéxica da Xunta de Galicia para situar a comunidade autónoma como un referente internacional nestas tecnoloxías no horizonte do 2030.
"Recibir o Premio Impulso Dixital Galicia por parte do CPEIG é unha honra para o consorcio QUORUM e agradecémolo profundamente. Este recoñecemento é un reflexo de que o traballo que estamos desenvolvendo conxuntamente é relevante e necesario. O desenvolvemento de tecnoloxías cuánticas marcará a diferencia entre ser espectadores ou protagonistas do futuro, e cremos que é esencial seguir xerando contornos como este que fomenten o talento e a transferencia de coñecemento científico. Galicia e España contan con capacidade e talento para ocupar unha posición de referencia neste campo. Este premio anímanos a continuar por ese camiño”, sinala o director xeral de Gradiant, Luis Pérez Freire.
Luis Pérez; o Head of Quantum Technologias de Gradiant, Miguel Ferreira; Cora Vinagre, Innovation Manager de International Quantum Center de Fujitsu; e Alberto Calvo, co-fundador e CTO de QCentroid recollerán o galardón na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago.