O Grove acolleu a celebración do Ecommerce Fest 2025
venres, 6 de xuño do 2025
O Náutico de San Vicente (O Grove) acolleu hoxe a celebración do encontro profesional Ecommerce Fest 2025, organizado polo Clúster do Ecommerce Galego co obxectivo de reunir a profesionais e empresas do ámbito do comercio electrónico e fomentar o intercambio de experiencias e impulsar a súa rede de contactos. O evento, que se desenvolveu durante todo o día, contou con actuacións en vivo, degustacións e demostracións gastronómicas e encontros de networking e presentacións.
Cunha mestura de lecer, gastronomía e negocios, o evento presentouse novamente como unha plataforma para fortalecer lazos e compartir coñecementos arredor das novas canles, ferramentas e plataformas que permiten xerar actividade económica na Rede.
Na cita participou o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, que salientou a aposta do Ecommerce Fest pola innovación e o impulso ao emprendemento, buscando a potenciación do talento e a competitividade das empresas galegas a través do apoio e promoción do comercio electrónico. Segundo dixo, o encontro profesional celebrado no Grove “concorda co compromiso do Goberno galego pola innovación e a transformación”.
Lembrou tamén que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Clúster do Ecommerce Galego colaboran na segunda edición da aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce para seguir impulsando o emprendemento no comercio electrónico a través da formación e o asesoramento por parte de expertos profesionais na materia para lanzar, xestionar, impulsar e rendibilizar os seus negocios en liña. Esta iniciativa queda enmarcada na rede de Polos de emprendemento, con 15 activos ao longo do territorio galego. No referido a Pontevedra, esta provincia conta con 4 polos -Vilanova de Arousa, Silleda e O Porriño-, que en total levan asesorados máis de 1.200 proxectos emprendedores.