Media ducia de galegos con talento poderán medrar profesionalmente nos EE.UU. grazas a un novo programa de bolsas

martes, 18 de xuño do 2024 Marcus Fernández

A Fundación Barrié e a Asociación The Exponential Fellowship asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento da 1ª edición dun programa de bolsas para titulados universitarios galegos que lles achegará a oportunidade de adquirir experiencia profesional como enxeñeiros de software de nivel inicial en startups de alto crecemento nos Estados Unidos durante 12-18 meses.
Para afondar no tema quixemos falar con Ignacio Moreno Pubul, presidente da Asociación The Ponential Fellowship e bolseiro de posgrao da Fundación Barrié, que tamén ten experiencia profesional ao outro lado do Atlántico, onde emprendeu unha fintech de éxito que opera internacionalmente.

– Pode explicarnos en que consiste o programa de bolsas que vides de presentar? A quen vai dirixido?
– O programa é sinxelo. Conectamos a mozos brillantes que saben construír software con startups de Silicon Valley e Nova York, e facilitamos o proceso de visado para poder ir traballar aos EEUU até 18 meses. Dende un punto de vista práctico, o programa vai dirixido a mozos galegos no seu último ano de estudos ou primeiros anos de carreira en disciplinas técnicas (enxeñaría informática, matemáticas, datos, etc.).
Dende un punto de vista máis aspiracional, vai dirixido a mozos con ganas e fame de construír en Silicon Valley. Persoas que teñan o soño de – algún día – construír unha compañía tecnolóxica.

– Aparte da propia dotación económica das bolsas, de que outros xeitos axudades aos participantes para emprender a súa aventura profesional nos EE.UU.?
– Ademais da oportunidade de poder aterrar en Silicon Valley ou Nova York, e traballar nalgunhas das compañías máis adiantadas tecnoloxicamente, o programa está pensado para proporcionar unha inmersión total dos participantes no ecosistema emprendedor americano. Conectámolos con emprendedores e investidores que xa lograron grandes cousas e levámolos a visitar grandes compañías como Google ou Apple para que eleven as súas aspiracións. Ademais, o obxectivo é que formen unha comunidade de mozos con intereses comúns e que – quen sabe – quizais acaben montando algo xuntos.

– Podes citarnos algunhas das compañías que participan no programa?
– Temos varias compañías en áreas como intelixencia artificial xerativa, modelos de linguaxe, saúde e máis. Ademais, a listaxe vai medrando. Por destacar un par, destacaría Freepik, porque é unha compañía nacida en España, que soubo medrar ata converterse en referente mundial no seu campo, e abrir oficina en San Francisco. Agora están explorando intelixencia artificial xerativa para poder seguir ofrecendo aos seus usuarios as mellores imaxes para os seus proxectos.
Outra compañía no sector da IA xerativa é Krea, tamén con sede en San Francisco, que están explorando ferramentas para artistas, e mesmo vídeo creado con intelixencia artificial.
Participan tamén outras compañías con fundadores españois como Stack AI, que permite a grandes compañías crear axentes intelixentes cos seus datos, ou Happyrobot, que están construíndo un operador telefónico para loxística con intelixencia artificial.

– Cal é a intención do programa? Que os bolseiros desenvolvan a súa carreira nos EE.UU. ou que retornen á terra para emprender aquí proxectos tecnolóxicos aplicando o aprendido fóra?
– É unha gran pregunta. O obxectivo último do programa é que xurdan emprendedores tecnolóxicos que constrúan software para o mundo con selo galego e español. Queremos que termine habendo un impacto forte no ecosistema local, que medre. O ideal é que os participantes volvan aquí e constrúan aquí os seus equipos, pero tamén estaríamos contentos se constrúen compañías nos EEUU, onde teñen máis facilidades para medrar, pero constrúan os seus equipos e xeren cultura aquí en España. Creo que iso é o que logramos con Capchase, Clarity AI, e outras compañías que están a cabalo entre España e EE.UU.

– A vosa asociación leva por nome A Comunidade Exponencial. Podemos entender que o que buscades cos bolseiros é formar un grupo que contribúa a potenciar o ecosistema emprendedor en Galicia e España?
Fellowship ten dúas acepcións: unha é comunidade, e outra é bolsa. Aquí significa as dúas. Queremos que se forme unha comunidade de tecnólogos que impulsen a seguinte xeración de empresas de software. Estamos convencidos de que iso terá un efecto multiplicador no ecosistema local e nacional.

– Pese á túa mocidade, levas unha grande carreira de éxito. Cres que é clave para medrar profesionalmente saír ao estranxeiro? Que pensas que está a frear o emprendemento tecnolóxico, non só en Galicia e España, senón practicamente en toda Europa?
– Aínda que non é unha condición necesaria, é un punto moi favorable. Construír empresas tecnolóxicas é complicado, e os mercados locais non che deixan ver todo o que hai. Todo o que poidas facer para maximizar as túas posibilidades de éxito é benvido. Saír fóra abre horizontes e eleva aspiracións; es quen de mirar máis alá dos máximos locais e ter unha perspectiva máis ambiciosa.
Creo que o maior freo do sector de emprendemento tecnolóxico en Europa é que temos un mercado máis pequeno e máis fragmentado, tamén menos ambicioso. Europa, como Galicia, ten outras cousas fantásticas e unha calidade de vida estupenda, pero os EE.UU. teñen un mercado sen igual. Creo que agora existe unha capacidade de combinar ambas, e é tamén parte do que queremos lograr con Exponential Fellowship.

PUBLICIDADE