MasOrange/R acadarán este ano o 100 % de cobertura 5G no rural galego

venres, 23 de xaneiro do 2026 S. P.

O conselleiro delegado de MasOrange, Meinrad Spenger, a directora xeral de Regulación, Asuntos Públicos e Sostibilidade da compañía, Luz Usamentiaga, e Alfredo Ramos, director de R e de MasOrange en Galicia, mantiveron esta semana un encontro institucional co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no que ratificaron o seu compromiso con Galicia para impulsar a dixitalización da cidadanía, empresas e administracións públicas da comunidade.
R e MasOrange quixeron comezar 2026 co reto de lles dar percorrido aos avances logrados en Galicia no último ano: lograr máis conectividade, máis innovación e máis compromiso, cunha rede máis potente, servizos dixitais de última xeración e un claro pulo á formación e á cultura.
Dende o grupo sinalan que “a nosa aposta por promover o desenvolvemento socioeconómico e tecnolóxico do territorio converteu R na operadora de maior cobertura de banda larga en Galicia, cunha rede 5G que abrangue o 97 % da poboación, porcentaxe que chegará a preto do 100 % este
mesmo ano, o que pechará a fenda dixital existente na comunidade”.
Salientan ademais, que “practicamente o 100 % dos fogares, 1,7 millóns de fogares e empresas en 313 municipios, contan coa fibra óptica máis moderna do mercado”.

Plan ÚNICO 5G: 250 municipios galegos á vangarda

Doutra banda, R e MasOrange chegaron xa coa súa cobertura móbil 5G a máis do 95 % dos case que 250 municipios galegos de menos de 10.000 habitantes programados no plan ÚNICO 5G_Redes Activas e ao final deste ano alcanzará o 100 % destes municipios con esta tecnoloxía.
Financiado polo Fondo de Recuperación da Unión Europea NextGenerationEU e xestionado polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno), o programa de axudas ÚNICO 5G_Redes Activas prevé traballos en Galicia en case que un milleiro de estacións móbiles, 129 delas de nova construción.
MasOrange (a través da súa marca Orange) foi a principal adxudicataria en Galicia, cun total de 70 millóns de euros de investimento ata finais de 2026 (98 % do orzamento asignado na comunidade), dos que 22,7 millóns corresponden á Coruña, 20,5 millóns a Lugo, 17,6 millóns a Ourense e 9,6 millóns a Pontevedra.

Aposta polos cidadáns e empresas en Galicia

No balance faise saber que o Grupo MasOrange acumula en Galicia máis de 2.300 millóns de investimento histórico e está a investir outros 200 millóns en 3 anos “no desenvolvemento das redes máis modernas de 5G e fibra e servizos innovadores, o que consolida a comunidade entre as rexións máis avanzadas”, sinálase, engadíndose que estes traballos xeran preto de 4.200 empregos directos e indirectos e as súas marcas suman preto de 2 millóns de servizos.
Ademais, as marcas de MasOrange —incluída R, cun 8— superan en satisfacción os niveis dos seus grandes competidores, segundo datos de GFK [3.o trimestre de 2025].
Servizos como as chamadas VoLTE (sobre 4G) sen custo adicional, o eSIM (cartón virtual seguro e sostible) ou a chamada visible (identificación do emisor na pantalla para minorar spam e fraude telefónica) fan xa parte do catálogo avanzado de R.
Canto ao mercado empresarial e administracións públicas, R ofrécelles ás empresas de Galicia un catálogo de solucións tecnolóxicas “extenso e adaptado ás necesidades de cada unha delas en eidos tan importantes como a automatización de procesos con IA, análise da información a gran escala (Big Data), solucións na nube e Internet das Cousas (IoT)”, explica a operadora no seu balance, destacando tamén que dispón dun centro de datos avanzado (datacenter) que garante “máximas calidade e seguridade na xestión de información empresarial”.
Entre os principais referentes comerciais de R e de Orange en Galicia figuran Abanca, JEALSA, Gadisa, Inveravante, Inditex, Pérez Rumbao, Plexus, os 4 Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia, Parfois, Reganosa, MN Program, Emais, EOS Spain, AD Grupo Regueira, Cupire, e varios medios de comunicación galegos como La Voz de Galicia, El Progreso, Diario de Pontevedra, La Región e Atlántico Diario, ademais das Universidades de Vigo e Santiago.

Máis compromiso e sostibilidade local

R pon en valor tamén o seu “forte compromiso social con Galicia”, onde destacou en varias edicións do Atlas Galego da Empresa Comprometida, tendo recibido na última delas (2025) o distintivo de tres estrelas en bo goberno, medio ambiente e impacto local.
Ademais, a compañía renovou por catro anos a Cátedra R en Ciberseguridade coas universidades da Coruña e Vigo, ampliándoa a tecnoloxías intelixentes aplicadas ao negocio. Tamén fortaleceu alianzas con APD e o Círculo de Empresarios de Galicia para impulsar a formación en innovación, tecnoloxía e sostibilidade; e coa Confederación de Empresarios de Galicia e o Nordés Club na mesma liña.
No ámbito social R sustenta igualmente o patrocinio do Celta Integra, promove a inclusión dixital de mulleres en risco de exclusión a través do proxecto Edyta (cunha aula en Ourense e outra en Lugo) e apoia persoas autistas con dúas aulas TEA que xa suman 1,5 millóns de beneficiarios/as. Así mesmo, dende o verán pasado está en marcha o primeiro GarageLAB de Galicia en Vigo para combater o abandono escolar e mellorar competencias dixitais de xente nova en risco, e impartíronse xa máis de 50 cursos en municipios rurais dentro do proxecto Reto Rural Dixital da Fundación Orange.