Lalín conclúe a migración á nube con 20 días de antelación sobre a data prevista

luns, 12 de agosto do 2024 S. P.

O Concello de Lalín rematou o proceso da Administración local para migrar todo o seu sistema informático á nube e blindar a información dixital municipal de cara a posíbeis ataques e incidencias. Fíxoo ademais, con 20 días de antelación sobre a data prevista. O investimento global no proxecto foi duns 600.000 mil euros.
Entre outras vantaxes, aforraranse custos, garantirase un óptimo nivel de seguridade, actualización plena nas licenzas e maior capacidade de almacenamento. A responsábel da Concellería de Novas Tecnoloxías, Raquel Lorenzo, subliñou que a implicación do persoal municipal “foi clave” para conseguir finalizar este fito antes de tempo, que se realizou ademais en horario laboral “sen que se vise afectado o funcionamento de ningún servizo”.
A edil explicou tamén que “o traslado do sistema informático á nube obedeceu á necesidade de garantir (por lei) a confidencialidade, integridade e dispoñibilidade dos datos que manexa o Concello as 24 horas do día e os 365 días do ano. Estes son os piares sobre os que se asenta a xestión da seguridade da información que xunto á autenticidade e á rastrexabilidade garanten á cidadanía que os seus datos non foron alterados”. Indicou tamén que “inda que nalgún momento seremos atacados por ciberdelicuentes, non sabemos cando, polo que traballamos para minimizar o impacto destes ataques e para que os servizos municipais non se vexan afectados”.
Sistema de recuperación inmediata
A responsábel municipal subliñou que “o departamento municipal de Novas Tecnoloxías, contando coa colaboración inestimable da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), traballa xa con ferramentas do Centro Criptológico Nacional (CCN) dependente do Ministerio de Defensa, monitorizando e analizando de forma continua os equipos; dispoñemos dun plan de recuperación contra desastres e dun sistema de recuperación inmediata ante ciberataques. En breve, a AMTEGA daranos acceso a un SIEM da marca IBM, unha tecnoloxía de última vangarda, que analizará millóns de datos en tempo real en busca de patróns anómalos dentro da nosa rede”. Avanzou que “con todo isto, Lalín está en disposición de conseguir a certificación do Esquema Nacional de Seguridade (ENS), norma creada e promovida polo CNN, que representa a garantía de estar cumprindo os requisitos de seguridade da información esixidos legalmente, tanto ás institucións públicas como a aquelas empresas privadas que presten servizos ás mesmas”.