Grande estrea de Stellar Blade en PC

xoves, 12 de xuño do 2025 Marcus Fernández

En abril de 2024 chegou o xogo Stellar Blade a PlayStation 5 como un título exclusivo desenvolvido pola compañía surcoreana Shift Up e editado pola propia PlayStation. O xogo foi moi ben recibido grazas á súa xogabilidade innovadora, a súa historia e o seu coidado apartado gráfico pero, por fortuna, xa non é exclusivo de PS5, senón que xa é posible adquirir a súa versión para PC en Steam e na tenda de Epic Games a un prezo de 69,99 euros.
A nova versión de Stellar Blade incorpora soporte para monitores ultrapanorámicos (funcionara en proporcións dende 5:4 ata 32:9), DLSS 4, FSR 3, texturas de maior resolución para os escenarios, velocidade de fotogramas desbloqueada, soporte para mandos DualSense, 25 novos atavíos e outras melloras.
A grande sorpresa deste lanzamento é que segundo as estatísticas de Steam, tería superado sobradamente os 100 mil usuarios simultáneos, converténdose nun dos mellores lanzamentos de Sony para PC, superando a títulos para un xogador como Ghost of Tsushima, God of War ou Marvel’s Spider-Man Remastered, e quedando só por detrás de Helldivers 2, título co que a comparación non sería xusta, xa que ofrece unha experiencia multixogador (polo que é un título masivo).

A versión para PC deste xogo incorpora numerosas optimizacións gráficas