Football Manager 2024 ofrécese de balde na súa versión para PC
xoves, 5 de setembro do 2024
Resulta curioso que mentres PC Fútbol 8 se resiste a chegar ao mercado, o xogo que moitos consideran que colleu a remuda desta franquía incorporando moitas máis funcionalidades estea a ofrecerse temporalmente de balde na tenda de Epic Games, polo que os amantes dos simuladores deste tipo poden aproveitar para conseguir Football Manager 2024 totalmente de balde se o reclaman antes do vindeiro día 12 (prazo no que tamén está dispoñible Sniper Ghost Warrior Contracts).
O Football Manager 2024 a xa a 20ª edición desta serie de xogos, e aínda que podería resultar gracioso suxerir que o ofrecen de balde para eclipsar o lanzamento de PC Fútbol 8, dá a impresión de que se trata dunha táctica para mellorar a recepción de Football Manager 25, introducindo a novos xogadores á franquía. Esta nova entrega da saga estaba prevista para este mesmo mes, pero onte mesmo anunciaron que o lanzamento se adiaría até comezos de novembro.
O retraso no lanzamento de Football Manager 25 responde principalmente ao feito de que non se trata dunha simple actualización anual, senón que o xogo está a trasladarse completamente ao motor Unity, o que complicou considerablemente o desenvolvemento. Tamén cómpre salientar que FM25 xa non é unicamente un xogo para PC, senón que conta con versión para consolas e para dispositivos móbiles, polo que o proxecto ten unha complexidade demasiado grande incluso para un equipo coa grande experiencia de Sports Interactive, estudio que adianta que as funcionalidades que non sexan quen de introducir na edición de 2025 procurarán recuperarse para a edición de 2026, unha vez asentado o novo motor do xogo.