Filtran unha copia preliminar de Space Marine II

martes, 16 de xullo do 2024 Marcus Fernández

Poucas cousas poden facer máis dano a un videoxogo que a súa filtración antes do seu lanzamento, pois resulta demasiado tentador para os usuarios que están pendentes do título, erosionando as vendas e tamén transmitindo unha imaxe pouco axustada á real (pois os xogos axustan especialmente a súa depuración nos días previos ao lanzamento oficial). O último título en ter que facer fronte a esta complicada situación é Warhammer 40.000: Space Marine II, que ten previsto chegar a PC, PlayStation 5 e Xbox Series X|S o vindeiro 9 de setembro, e que vén de filtrarse á Rede nunha versión preliminar totalmente xogable.
Aseguran que a copia filtrada ten un tamaño de 75 GB, e non só pode xogarse con normalidade, senón que tamén inclúe os binarios de servidor, o que facilitaría tamén a posibilidade de montar partidas en rede.
Dende Insider Gaming cren que estamos ante unha compilación do xogo do 23 de febreiro, polo que podería presentar bastantes fallos que xa hai tempo que foron corrixidos, e advirten seriamente de que instalar este tipo de executables no noso equipo pode ser moi perigoso, xa que é bastante probable que estean a circular pola Internet copias infectadas con malware para aproveitar a ansia dos xogadores que queren gozar deste novo título antes do seu lanzamento oficial.
Os responsables do xogo, Saber Interactive e Focus Entertainment, publicaron un comunicado amosando a súa tristura polo acontecido e piden que non se xogue a este título sen rematar e que se respecte aos xogadores que van agardar até o 9 de setembro mantendo a discreción sobre o que pode verse na copia preliminar.

Vídeo cun avance do xogo