Chegan a Game Pass Metaphor ReFantazio, The Division 2 e outras novidades para pechar maio

mércores, 21 de maio do 2025 Redacción

Xbox Game Pass despide maio con forza, incorporando títulos moi agardados e varios lanzamentos simultáneos no servizo. Xogos como Metaphor ReFantazio, Tales of Kenzera: Zau ou To a T combínanse con éxitos consolidados como The Division 2, ao tempo que se engaden novas opcións á nube e se anuncian os primeiros xogos de xuño.
Desde o 21 de maio está dispoñible Monster Train 2, unha proposta na que antigos anxos e demos deben aliarse para combater os Titáns que tomaron o Ceo. A bordo de trens máxicos, a viaxe lévate polo Inferno, o Ceo e o Abismo.
O 22 de maio chegan dúas propostas ben distintas. Por unha banda, Creatures of Ava, unha aventura de acción e salvamento ambiental na que cómpre gañar a confianza das criaturas que habitan un planeta en perigo; pola outra, S.T.A.L.K.E.R. 2, que nos devolve á Zona de Exclusión de Chornóbil para unha experiencia de supervivencia e exploración marcada polas anomalías, os artefactos e as consecuencias das túas decisións. Ese mesmo día incorpórase tamén Tales of Kenzera: Zau ao catálogo de EA Play, incluído en Game Pass Ultimate e para PC. Nel, o protagonista asume o papel dun chamán guiado polo Deus da Morte nun mundo tan fermoso como traizoeiro.
O 27 de maio sumarase Tom Clancy’s The Division 2, xusto ao comezo da sétima tempada. A acción ten lugar nunha Washington D.C. arrasada, onde un grupo de axentes civís intenta restablecer a orde fronte a diversas faccións hostís.
Ao día seguinte, o 28 de maio, chega To a T, unha historia creada polo autor de Katamari Damacy sobre un adolescente que vive permanentemente en posición de T. Co seu can como compañía e moita imaxinación, tenta levar unha vida o máis normal posible nunha vila chea de personaxes singulares.
O 29 de maio será a quenda de Metaphor ReFantazio, RPG de fantasía gañador do premio ao mellor xogo de rol nos The Game Awards. Nesta historia épica cómpre participar nun torneo real para liberar un príncipe maldito e unir un reino dividido, combinando exploración, combates por quendas e máis de corenta arquetipos por desbloquear. Ese mesmo día tamén se engade Spray Paint Simulator, un xogo relaxante no que se pode montar un negocio de pintura e decorar desde coches ata robots xigantes, tanto en solitario coma en compañía.
Xa en xuño, o día 3 chegan Crypt Custodian, unha aventura metroidvania protagonizada por un gato condenado a limpar o máis aló, e Symphonia, un xogo sen violencia no que un violinista debe reconstruír a maquinaria musical dun mundo en ruínas.
Ademais, o 23 de maio, quince títulos clásicos e recentes incorpóranse ao catálogo de xogo na nube, entre eles Brütal Legend, Grim Fandango Remastered, Quantum Break, Rare Replay ou Sunset Overdrive.