Centos de persoas de todas as idades acudiron á 2ª edición de Rianxo Gaming

luns, 12 de agosto do 2024 S. P.

O Campo de Arriba de Rianxo acolleu este 10 de agosto a segunda edición da feira de videoxogos Rianxo Gaming, evento anual dedicado ao mundo gamer que fixo fincapé na vertente máis creativa e participativa deste ámbito.
Con formato de feira, o evento incluíu unha gran variedade de actividades como charlas, obradoiros, competicións de eSports, retro-gaming (exposicións de máquinas antigas), demostracións de Realidade Virtual, tendas e música en directo.
Participaron centos de persoas de todas as idades. A carpa puxo a disposición das e dos visitantes dúas ducias de consolas, media ducia de máquinas Arcade, 2 recantos de RV e tres máquinas de xogos.
No apartado de divulgación educativa, este ano houbo dúas charlas orientadas á mocidade e ás familias. Por unha banda Mulleres gamers, retos e desafíos, unha mesa redonda para coñecer a perspectiva das mulleres na industria do gaming, na que tomaron a palabra mozas gamers e influencers que falaron sobre as súas propias experiencias. Pola outra, celebrouse a sesión Familia, eu quero ser youtuber, unha charla dirixida ás familias para axudar a coñecer as oportunidades laborais que xorden da creación de contidos para as redes sociais, pero tamén dos riscos que van asociados a este tipo de actividades.
O evento foi impulsado Concello de Rianxo e a produción técnica é de Lúa Gaming, a empresa galega de deportes en liña e eventos.
No evento participaron o Museo do Videoxogo, A Vella Escola Cultura Urbana, a Escola de Música de Rianxo, e no apartado audiovisual coa realización de Volvemos a Primera Producciones.
Colaboraron A Túa Xanela, ROT SL, Mínimo Eventos, Creade Impresión Dixital, BEEP Rianxo, Libreria Xacobiño, Librería Cándido, Kiosco José Ramón, Rent Galicia Inmobiliaria e Asociación A Moreniña.