Bard inicia as súas probas públicas en EE.UU. e Reino Unido

martes, 21 de marzo do 2023 Marcus Fernández

O mes pasado Google anunciou a súa resposta a ChatGPT, Bard, unha intelixencia artificial xenerativa baseada en texto, que por fin pode probarse en EE.UU. e Reino Unido, de xeito que os usuarios por fin poden comprobar que os avances de Google neste ámbito son reais, aínda que deixan moi claro que están ante un experimento, polo que non debe sorprender que o sistema aínda funcione peor que a competencia, ou sexa, que estamos ante unha tecnoloxía que aínda está moi lonxe da versión de ChatGPT integrada en Bing, pero o feito de que Google comece a amosar publicamente os seus avances confirma que estamos ante un novo eido competitivo que os xigantes da Internet consideran crucial para o seu futuro.
Bard non só quere ser a aplicación dun modelo de linguaxe, senón que tamén se apoia en Google para poder controlar a calidade da información, aínda que insisten moito no feito de que esta tecnoloxía ten carencias moi importantes, pois as respostas do sistema poden ser falsas, poden ter importantes nesgos baseados no mundo real (como plasmar estereotipos), pese a que a resposta apareza nun ton informativo e sen deixar espazo a dúbidas. Precisamente por iso Google insiste en que unha das prioridades que teñen en Bard é achegar resultados de calidade e seguros, de aí que estean a buscar a reacción de usuarios humanos para avaliar e mellorar o sistema.

PUBLICIDADE