Astro Bot chega a PlayStation 5

venres, 6 de setembro do 2024 Marcus Fernández

Cando se lanzou PlayStation VR, o xogo Astro Bot Rescue Mission pretendía servir de introdución á realidade virtual, de xeito que practicamente ofrecía unha experiencia obrigada para familiarizarse coa realidade virtual de PlayStation, pero agora que esta tecnoloxía parece ter fracasado, dende Sony queren seguir aproveitando o carismático protagonista de tal xogo, e hoxe mesmo estrea un xogo de seu que deixa de lado a realidade virtual.
O novo xogo non podía ter un título máis sinxelo, xa que se coñece directamente como Astro Bot, é compatible con consolas PlayStation 5, e a súa versión básica ten un prezo de venda de 69,99 euros, o que pode resultar rechamante por proceder dun xogo que normalmente se ofrecía de balde, e por achegar unha experiencia de xogo bastante limitada en horas de xogo (pois nunhas 8 horas poden percorrerse os seus 80 niveis repartidos en 6 galaxias).
En calquera caso, estamos ante un xogo do que non hai dúbida sobre a súa diversión, no que Astro ten que pilotar o seu Dual Speeder por unha chea de planetas cheos de perigos e sorpresas, buscando a tripulación perdida da súa destruída nave nodriza. Nesta ocasión Astro presentará novos poderes, variados inimigos e grandes xefes finais, nunha experiencia de plataformas que aproveita ao máximo o mando DualSense.
O xogo tamén pode verse como unha celebración dos 30 anos de PlayStation, xa que presenta versión de máis de 150 heroes emblemáticos dos xogos das consolas de Sony.

Tráiler de lanzamento de Astro Bot