As redes sociais empuxan o proxecto Aquí tamén se fala, que celebra o seu festival o 13 de xuño
venres, 23 de maio do 2025
Dende o IES Rafael Dieste da Coruña presentaban na mañá deste venres 23 de maio a segunda edición do festival Aquí tamén se fala, que se celebrará o venres 13 de xuño a partir das 17h na praza da Tolerancia.
A presentación da cita, que ten a colaboración da Xunta, contou coa presenza do secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen sinalou que “se volve pór de manifesto a importancia dos espazos escolares como motores de dinamización da nosa lingua e a implicación de alumnado e profesorado con este tipo de proxectos a prol do galego”. García engadiu que “estamos nun centro onde conviven máis de 25 nacionalidades, polo que é exemplo de fomento da lingua nun ámbito multicultural”. O secretario convidou a asistir a esta cita coa “música máis actual feita en Galicia e en galego, unha vía máis para prestixiar e impulsar o uso da nosa lingua entre a poboación máis nova”.
Pola súa banda, a deputada de lingua, Soledad Agra, salientou no acto a "afouteza, alegría e o inconformismo da mocidade" que se plasma nesta reivindicación da "lingua, a cultura e o patrimonio inmaterial que nos transmitiron as nosas cantareiras desde fai séculos". Engadir que a entidade provincial tamén apoia a celebración, e faino cunha achega de 18.000€.
En canto á parte musical deste proxecto, serán os grupos: Dios Ke Te Crew, Boyanka Kostova, Alana, Pava e Ulex os encargados de animar o encontro.
O festival enmárcase nunha iniciativa máis ampla que, baixo o mesmo lema, naceu do Equipo de Dinamización da Lingua Galega deste instituto, estendéndose logo a máis de 200 centros por toda a Comunidade. Deste xeito, cómpre destacar que ao abeiro desta proposta realízanse outras accións de fomento do idioma como entrevistas ou campañas nas redes sociais que contan coa participación de persoeiros galegos e internacionais e entidades que animan á xuventude a usar a lingua.
Valentín García fixo fincapé “no gran traballo que se realiza nos centros educativos desde a rede de dinamización lingüística vencellada á Secretaría Xeral da Lingua e que o ano pasado levaron a cabo máis de 350 actividades chegando a 65.000 persoas”. Deste xeito, destacou outras iniciativas que involucran ao alumnado e cunha marcada vertente tecnolóxica como son 21 días co galego e +, Falamos + ou Nós tamén creamos. Todas elas, tal e como explicou, “son propostas que se desenvolven nos recintos escolares como espazos de socialización, que teñen un carácter lúdico e implican tanto aos estudantes e aos profesionais dos centros como ás familias no impulso da lingua”.
Aquí tamén se fala tamén nas redes
#aquítaménsefala é unha campaña de dinamización lingüística da mocidade estudantil, con accións directas nos barrios e na contorna inmediata de cada alumno: un proxecto que comezou no IES Rafael Dieste da cidade da Coruña e que agora se estende por centros de todo o país, en boa medida a través das redes sociais (Instagram, Youtube, Spotify e Tiktok). Trátase dunha iniciativa que pon especial atención á música e á cultura galega realizando gravacións e entrevistas que se divulgan nas RRSS. “Queremos rachar cos prexuízos que pretenden dar unha imaxe distorsionada dunha suposta Galiza que non fala galego, ou de que no mundo da empresa non se usa, nin nos barrios, nin nas vilas... E para acabar con estas mentiras exercemos como técnicos/as de normalización lingüística”, sinalan dende a comunidade escolar e docente do IES.
Aquí tamén se fala arrincou cunha campaña da que falamos en Código Cero con motivo da súa marcada vertente dixital, xa que entre as súas facianas visibles atópase a web aquitamensefala.com e unha serie de vídeos subidos ás redes sociais nos que importantes persoeiros da cultura e doutros ámbitos expresan o seu apoio á nosa lingua. Por exemplo Viggo Mortensen, James Rhodes ou Tanxugueiras.