Adobe Firefly explota o potencial da intelixencia artificial xenerativa

martes, 21 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Adobe leva anos integrando con grande éxito a intelixencia artificial nos seus produtos, e agora eleva esa aposta presentando Adobe Firefly, unha nova ferramenta para a creación de imaxes e efectos de texto mediante unha intelixencia artificial xenerativa.
Con Firefly os creadores poden explotar a súa creatividade a unha velocidade sen precedentes, xa que o sistema permite producir variacións sen límites de contidos e realización de cambios dun xeito rápido e sinxelo, explotando as posibilidades da intelixencia artificial xenerativa.
Adobe adestrou este modelo con contidos do seu banco de imaxes e contidos de dominio público, ou sexa, que garante que respecta a propiedade intelectual con esta tecnoloxía (que é un dos grandes temores que teñen moitos autores ao traballar con este tipo de ferramenta para traballos profesionais), abrindo incluso esta tecnoloxía de xeito que os usuarios poidan adestrar o sistema co material que desexen (por exemplo, con imaxes de creación propia para adaptarse ao seu estilo persoal ou adaptadas á linguaxe dunha marca) e prometendo compensar aos creadores polas súas contribucións unha vez que a ferramenta saia de probas.
Firefly non só permite crear imaxes describíndoas con texto, senón que estas poden editarse parcialmente en función das nosas instrucións (que poden ser tanto descricións como ordes que repliquen o estilo dunha parte da imaxe, o que podemos entender como a evolución dos pinceis de Photoshop); pódese substituír algún elemento dunha imaxe por alternativas que encaixen na imaxe; pódense crear imaxes vectoriais, pinceis e texturas partindo de bosquexos; é posible crear cambios en vídeo (como cambiar a atmosfera ou a meteoroloxía); fai doado crear contidos para redes sociais; e incluso é posible traballar con imaxes 3D, que poden converterse en imaxes foto-realistas.

PUBLICIDADE