A tecnoloxía GaN centra unha charla de Rocío Moure, este sábado na Industriosa
martes, 12 de maio do 2026
O espazo de experimentación maker A Industriosa, emprazado en Vigo vai celebrar este sábado 16 de maio unha nova xornada de divulgación participativa: a charla Non todos os chips son iguais: tecnoloxía GaN, desde a oblea ata o sistema radar. Será o sábado 16 de maio ás 11:30 na sede da Industriosa, impartida por Rocío Moure.
A charla achegaranos, dun xeito divulgativo e accesible, ao mundo dos semicondutores aplicados a sistemas RF de alta potencia: desde a fabricación dos chips e os transistores GaN ata a súa integración en sistemas complexos como os radares modernos.
Ademais, a organización da charla destaca o positivo de que a charla coincida co momento que vive Vigo coa posta en marcha de SPARC Foundry, un proxecto que pode situar a cidade como referente na fabricación de semicondutores avanzados baseados en tecnoloxías como GaN, GaAs ou InP.
“Será”, segundo A Industriosa, “unha boa oportunidade para coñecer mellor esta tecnoloxía e tamén para achegarnos ao papel que Vigo pode ter nun sector cada vez máis estratéxico para Europa, a industria, as telecomunicacións e a defensa”.
Rocío Moure é enxeñeira de Telecomunicación e doutora pola Universidade de Vigo, en colaboración coa Universidade de Cardiff. Iniciou a súa traxectoria como investigadora no centro atlantTIC, en Vigo, e posteriormente traballou en Belfast como enxeñeira de deseño de microondas e dispositivos en Iconic RF. Máis adiante incorporouse a Microchip, centrando o seu traballo na caracterización e modelado de transistores GaN HEMT.
Actualmente é responsable de Procesos GaN e modelado RF en Indra Vigo, colaborando ademais coa posta en marcha dunha nova foundry europea na cidade.
