A primeira entrega de Marathon chega de balde a Steam

luns, 13 de maio do 2024 Marcus Fernández

Bungie, a compañía de videoxogos a quen moitos recoñecen por Halo e por Destiny, iniciou hai tres décadas a triloxía de xogos Marathon para ordenadores Apple Macintosh, e agora que están a preparar o reboot desta franquía, con versión para PlayStation 5, Xbox Series X|S e PC, consideraron que era un bo momento para que o público coñecese o xogo orixinal de hai 30 anos, e estréao en Steam como Classic Marathon, xogo de balde para Windows e macOS.
Cómpre salientar que estamos ante un xogo de acción en primeira persoa que poderiamos considerar arcaico, e o seu motor, Aleph One, leva bastante tempo liberado como código aberto por parte de Bungie, sendo posible gozar das tres entregas de Marathon completamente de balde.
Está previsto que ao longo do ano vaia saíndo o resto de entregas de Marathon en Steam, o que pode ser unha oportunidade para que os xogadores presten algo de atención a unha franquía da que pouco se sabe dende que se anunciou o seu reboot hai preto dun ano, e que previsiblemente desvelará os detalles do seu futuro lanzamento nos vindeiros meses.

Vídeo co que se anunciou o reboot de Marathon