A Xunta informa que xa se poden descargar os Bonos Activa Comercio

luns, 9 de decembro do 2024 S. P.

Afianzar a clientela e asegurar o mantemento e futuro dos establecementos a prol da cidadanía, e máis nestas datas achegadas ao Nadal son os obxectivos da ampliación dos Bonos Activa Comercio da Xunta, que xa levan mobilizados máis de 11M€ en vendas, con máis de 255.000 bonos descargados e con esta nova oportunidade lévanse adheridos arredor de 7.100 establecementos aos que se poden sumar máis.
Deste xeito, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa delegada da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitaban na mañá deste luns, 9 de decembro, o comercio téxtil Sarto de Santiago, un dos adheridos á sexta edición dos Bonos Activa Comercio, que se acaba de ampliar con 2,5 M€ e reactivada hoxe ás 9 horas, tralo éxito acadado e esgotarse en pouco máis de dous días os 2,5 M€ iniciais desta campaña.
A xeito de curiosidade, dicir que hoxe en menos de media hora desde a súa reactivación, a iniciativa levaba máis de 7.000 novos bonos descargados, o que supón uns 262.000 bonos, cifras que se irán incrementando ao longo da xornada.
En canto ás persoas consumidoras, informar que as que xa descargasen o bono e non o consumisen enteiro poden facelo e as que aínda non o teñan descargado dispoñen dunha nova oportunidade para
obtelo na web dos Bonos Activa Comercio a partir de hoxe para poder beneficiarse dos descontos de até 30 euros nas compras que realicen nos comercios adheridos. No caso daquelas persoas usuarias que descargaron o bono desta sexta edición e o eliminaron sen chegar a gastalo, poderán volver a descargalo desde xa para empregalo.
Os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñíbeis para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así: as compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto acadará os 15 euros. Engadir que segundo as normas da convocatoria, cada
persoa pode descargar un único bono, polo que se un usuario ou usuaria xa fixo uso do seu bono en novembro, non pode volver descargar outro agora. Cando o importe total dos descontos realizados acade os 2,5 M€ desta ampliación adicional, os bonos descargados xa non se poderán usar.