A Xunta e FEGAMP xuntan forzas contra o ciberacoso
mércores, 11 de marzo do 2026
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, veñen de asinar a constitución da nova Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, que nace co obxectivo de fortalecer a coordinación entre institucións para a sensibilización, prevención e actuación ante calquera problemática deste tipo.
O titular de Educación do Goberno galego salientou que a posta en marcha desta nova rede supón “un importante avance” na loita contra o acoso escolar “cunha abordaxe integral que nos permitirá mellorar a resposta ante estes casos” grazas á participación de todos os axentes implicados como administracións públicas, institucións, centros educativos, docentes, familias e alumnos. N
Román Rodríguez lembrou que se está traballando tamén para a incorporación da Fiscalía e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. “Todos os esforzos son poucos na loita contra unha lacra que é unha prioridade de país e que esixe tolerancia cero”, abondou o conselleiro.
Lembrou que o Goberno galego “leva anos traballando a prol da convivencia nos centros escolares cun amplo abano de iniciativas que se foron intensificando nos últimos cursos e que se reflicten en actuacións específicas como o Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar, a actualización do protocolo que se debe seguir nestes casos, a prohibición do uso dos móbiles nos recintos escolares, a instalación de Puntos Laranxa, a creación de Equipos ACAE de actuación contra o acoso escolar, a ferramenta Termómetro Acoso Escolar ou o Plan de benestar dixital, entre outros”.
Román Rodríguez, tras a sinatura do acordo, explicou que está previsto que no segundo semestre deste ano quede aprobado o decreto a través do cal se dotará á rede dunha estrutura e se regulará o seu funcionamento a través de dous órganos que son o pleno e catro comisións provinciais.
Nestes órganos estarán representados a Xunta a través das consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e FP; de Presidencia, Xustiza e Deporte; de Sanidade e de Política Social e Igualdade, a FEGAMP, o Consello Escolar de Galicia, a Fiscalía Superior de Galicia e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Pola súa parte, a FEGAMP facilitará aos concellos un procedemento para a súa adhesión á rede. Aqueles que formen parte da mesma poderán asumir un papel activo como coordinadores locais, facilitar a colaboración entre centros educativos, servizos sociais, entidades e outros recursos comunitarios, participar nos espazos de coordinación que se establezan e contribuír ás actuacións consensuadas e recibir apoio técnico para deseñar e planificar iniciativas fronte ao acoso e ciberacoso escolar, reforzando así a súa capacidade de resposta.
A rede centrará a súa actuación en catro eixos principais: a sensibilización, a prevención, a formación e a denuncia. A través dela, poderán artellarse recursos entre a Administración autonómica e as entidades locais, compartir boas prácticas e ofrecer un apoio coordinado tanto aos centros como ás familias e ao alumnado, garantindo unha intervención máis rápida e efectiva ante casos de acoso escolar.
A través dela establecerase un seguimento sistemático e continuado destas situacións, incorporando unha perspectiva territorial que garanta a implicación activa de todos os actores responsables a nivel local mediante os servizos que prestan os concellos.
Entre as súas funcións estarán desempeñar labores de observación, análise, asesoramento, seguimento e difusión de información sobre o acoso escolar, apoio aos concellos adheridos na elaboración de programas e accións para a prevención e intervención, desenvolvemento de plans de formación para o persoal municipal, difusión de iniciativas e actuacións de éxito, ser punto de referencia e consulta para os concellos que precisen orientación na xestión destes casos e fortalecemento da capacidade das administracións locais para intervir de maneira máis precisa e coordinada.
