A UDC celebrará o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia cun amplo programa de actividades
luns, 9 de febreiro do 2026
Co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, este 11 de febreiro, a Universidade da Coruña (UDC) mobilizará talento investigador para “inspirar novas vocacións e visibilizar o liderado das científicas en diferentes ámbitos da investigación”. Así, desde a institución académica, están programadas ao longo deste mes de febreiro diferentes actividades que van desde concursos, obradoiros e conferencias e que se impartirán en diferentes sedes.
O Centro de Investigación en TIC (CITIC) celebrará o 11-F coa apertura dos seus laboratorios. Así, os días 11 e 12 de febreiro, organiza visitas guiadas aos seus laboratorios, unha iniciativa realizada en colaboración coa asociación de estudantes da FIC para que o alumnado coñeza de preto as infraestruturas de investigación.
Por outra banda, o CITEEC, contará o día 11 ás 12,45 cunha xornada dedicada a visibilizar o traballo de investigadoras en etapas iniciais. Como madriña do evento contará con Soledad Muniategui, catedrática de Química Analítica e investigadora destacada na clasificación do CSIC de mulleres científicas, quen realizará unha presentación sobre o 11F e moderará as intervencións.
Participarán nesta cita científica Yaiza Rodríguez Lueje, coa conferencia Infraestrutura verde e especies invasoras; Eva Llavero López, co relatorio Microplásticos e desgaste de pneumáticos; Uxía López Mejuto, que impartirá unha charla baixo o título Renaturalización e xustiza espacial e Rosalía Doporto Regueiro, quen falará sobre Enerxías mariñas no futuro dos portos galegos.
No caso do CICA, a cita será na Biblioteca Durán Loriga, xa en sesión de tarde, ás 18,30 horas, cando celebrará a mesa redonda Ser científica hoxe: retos compartidos, realidades distintas. Un encontro aberto á cidadanía que parafrasea o coñecido ensaio de Virxinia Woolf para reflexionar sobre a carreira investigadora e os seus desafíos desde unha perspectiva multidisciplinar.
Enxeñaría e Informática no MUNCYT
En colaboración co MUNCYT realizaranse obradoiros e charlas nas que a enxeñaría e a informática serán as protagonistas. Serán tres actividades diferenciadas. O Live 11F: Conecta coas TIC albergará un ciclo de charlas presenciais e en liña coa Facultade de Informática para fomentar vocacións tecnolóxicas e visibilizar o papel das mulleres nas carreiras STEM.
O venres 13, as enxeñeiras Gemma Rojo López, Belén González Fonteboa e Sindy Seara Paz (gCons-CITEEC) conducirán Construindo o 11-F un obradoiro de formigón sostible con materiais alternativos para escolares de primaria.
E para rematar o mes, a investigadora do CITIC Verónica Bolón ofrecerá o relatorio IA verde: cara a un futuro sostible, analizando o papel da computación na protección do planeta. Será o 25 de
febreiro ás 19:30 horas.
Por último, está aberta a nova edición da iniciativa Atrévete a pescudar con elas, no que as investigadoras comparten a súa traxectoria e anécdotas -en pílulas de vídeo- para aguilloar a curiosidade do alumnado de primaria e secundaria pola ciencia.
Participan nesta iniciativa as investigadoras Lucía Couceiro López, María Paloma Moré Corral, Teresa Piñeiro, Laura Castro, Patricia Comesaña, Ana González Neira, Falak Naz, Lucía Paz Aldrey, Mª de las Mercedes Seoane Bouzas e Zeltia Naia Entonado.
