A RAGC entrega este mércores os seus premios á transferencia e á comunicación

martes, 18 de xuño do 2024 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa axencia autonómica GAIN, vai entregar este mércores 19 de xuño os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o Premio de Xornalismo Científico e o Premio de Divulgación Científica 2024.
Asistirán Román Rodríguez, conselleiro de Educación e Ciencia, Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña, Pilar Bermejo, vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago (USC), e Juan Lema, presidente da RAGC. A cita será este mércores 19 de xuño (19.00 horas) no Pazo de San Roque, en Santiago.
Acudirán ademais a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, Ana Isabel Ares; o director de Augas de Galicia, Roi Fernández; Elena Vázquez Cendón, conselleira do Consello da Cultura Galega; entre outras autoridades e representantes do eido científico, cultural e académico da nosa comunidade.
O Premio de Transferencia de Tecnoloxía (Premio Fernando Calvet Prats) irá dar a investigadores da Universidade de Santiago que desenvolveron unha tecnoloxía para extraer das augas residuais estruvita, un mineral moi apreciado na UE como fertilizante agrícola.
Pola súa banda, o Premio de Transferencia de Tecnoloxía (Premio Francisco Guitián Ojea) recaerá en investigadores da Universidade da Coruña que desenvolveron materiais innovadores para lograr sistemas de refrixeración e calefacción máis ecolóxicos.
A maiores, Sandra Penelas recollerá o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas por unha reportaxe sobre os beneficios da impresión 3D de formigón.
Ademais, a matemática da USC Elena Vázquez Abal levará o Premio de Divulgación Científica 2024 da RAGC.