A Deputación e Ponteareas levan a realidade virtual ao Corpus Christi
venres, 13 de xuño do 2025
A Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponteareas asinarán un convenio de colaboración por valor de preto de 170.000 euros para levar a cabo un produto de Realidade Virtual (VR) e un museo ao aire libre arredor da festa do Corpus Christi. O organismo provincial acaba de dar luz verde a este convenio co que “queremos seguir promovendo o crecemento equilibrado e sostible do turismo e impulsar a modernización e dixitalización deste sector tan importante para a nosa economía”, asegurou o presidente Luis López.
O convenio enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística do Condado-Paradanta. Unha terra entre ríos, dotado con 1,5 millóns de euros e financiado con fondos Next Generation da UE, e permitirá poñer en marcha novas ferramentas dixitais que consisten na implantación e mantemento dunha plataforma museográfica virtual para poñer en valor como recurso turístico a festa do Corpus Christi. Ademais, a actuación completarase coa creación e instalación de elementos para a divulgación e interpretación da festa, declarada de interese turístico internacional e que este ano se celebrará o 22 de xuño.
Esta iniciativa, explicaron as dúas entidades, “permitirá reforzar a interpretación do Corpus Christi, apoiar e poñer en valor o oficio das persoas alfombristas realizando un traballo de documentación e inventario fotográfico das alfombras florais e do seu proceso de creación, desestacionalizar a demanda turística e incrementar a sostibilidade do destino”. Deste xeito crearase un portal web que permitirá amosar a historia e orixe da festa, con experiencias audiovisuais a través dun percorrido polas rúas de Ponteareas amosando as alfombras e os traballos previos para a súa confección. Amais, dixitalizarase, xerarase e incorporase contido audiovisual relacionado co Corpus Christi e instalaranse tótems interactivos no percorrido no que habitualmente se sitúan as alfombras para poder coñecer estes elementos en calquera momento do ano.
Conferencia de prensa do presidente da Deputación de Pontevedra