A Comisión Europea considera abusiva a exclusión de asistentes de IA de terceiros en WhatsApp

luns, 9 de febreiro do 2026

A Comisión Europea notificou a Meta a súa intención de impor medidas cautelares pola posible vulneración das normas comunitarias de competencia tras a exclusión de asistentes de IA de terceiros de WhatsApp. Bruxelas considera, de maneira preliminar, que este cambio de política pode provocar danos graves e irreparables no mercado europeo de asistentes de IA, ao bloquear a entrada ou a expansión de competidores nun sector en rápido crecemento.
Segundo explicou o Executivo comunitario, enviouse a Meta un prego de cargos no que se detalla a avaliación inicial de que a compañía podería estar a abusar da súa posición dominante ao impedir que outros asistentes de IA poidan acceder e interactuar cos usuarios de WhatsApp. A Comisión subliña que esta decisión aínda non prexulga o resultado final da investigación e que Meta poderá exercer plenamente os seus dereitos de defensa.
A orixe do procedemento sitúase no anuncio realizado por Meta o 15 de outubro de 2025, cando a empresa comunicou unha actualización das condicións de uso de WhatsApp Business que, na práctica, prohibía a presenza de asistentes de IA de propósito xeral alleos á compañía. Desde o 15 de xaneiro de 2026, a única ferramenta deste tipo dispoñible na aplicación é Meta AI, mentres que os competidores quedaron excluídos.
Na súa análise preliminar, a Comisión conclúe que Meta é probablemente dominante no Espazo Económico Europeo no mercado das aplicacións de comunicación para consumidores, especialmente a través de WhatsApp. Ademais, considera que a negativa a permitir o acceso á plataforma a terceiros, incluídos asistentes de IA, podería constituír un abuso desa posición dominante. Bruxelas sinala tamén que WhatsApp representa unha canle de entrada clave para que estes servizos poidan chegar aos usuarios finais.
O Executivo comunitario advirte dunha necesidade urxente de adoptar medidas de protección debido ao risco de que a conduta de Meta eleve as barreiras de entrada e de expansión no mercado e marxine de maneira irreparable os competidores de menor tamaño no ámbito dos asistentes de IA de propósito xeral.
O procedemento aberto abrangue todo o Espazo Económico Europeo, coa excepción de Italia, onde a autoridade nacional de competencia xa impuxera medidas cautelares contra Meta en decembro de 2025. A investigación formal por parte da Comisión iniciouse o 4 de decembro dese mesmo ano.
A actuación baséase no artigo 102 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea e no artigo 54 do Acordo do Espazo Económico Europeo, que prohiben o abuso de posición dominante que poida afectar ao comercio e restrinxir a competencia no mercado único. En virtude do Regulamento 1/2003, a Comisión pode adoptar medidas cautelares cando exista, a primeira vista, unha infracción das normas de competencia e unha necesidade urxente de evitar danos graves e irreparables.
Tras a recepción do prego de cargos, Meta poderá examinar o expediente, responder por escrito e solicitar unha audiencia oral. Só despois de completar este trámite e de avaliar as alegacións da compañía, a Comisión decidirá se procede a imposición das medidas cautelares, sen que isto anticipe a resolución definitiva sobre o fondo do caso.