A Cátedra Aldaba-WIB abre o prazo de inscrición do seu campamento tecnolóxico de verán
martes, 12 de maio do 2026
A Cátedra Aldaba-WIB presenta unha nova edición do Aldaba TIC-Camp, unha iniciativa dirixida a fomentar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado de entre 6 e 12 anos a través dunha experiencia educativa innovadora e divertida que terá lugar na Coruña e Ourense.
Baixo o lema Aventura STEM: Viaxe no Tempo, as persoas participantes mergullaranse nunha proposta na que historia e innovación se unen para resolver retos do pasado empregando ferramentas do futuro.
O programa combina aprendizaxe práctica, creatividade e traballo en equipo nunha contorna colaborativa pensada para espertar o interese pola ciencia e a tecnoloxía desde idades temperás.
A través dunha metodoloxía lúdica e participativa, o alumnado explorará diferentes áreas clave do ecosistema dixital actual, como drons, robótica, deseño e impresión 3D, programación, intelixencia artificial e ciberseguridade.
O obxectivo desta iniciativa é “que as persoas participantes non só adquiran competencias técnicas e dixitais, senón que tamén desenvolvan habilidades sociais e creen novas amizades nun ambiente dinámico e creativo”.
Fiel ao propósito da Cátedra de contribuír á redución da fenda de xénero no sector tecnolóxico, o 80% das prazas do Aldaba TIC-Camp estarán reservadas para alumnas. Con esta medida búscase incentivar activamente o interese das nenas polas disciplinas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e facilitar un acceso máis equitativo ás profesións tecnolóxicas.
O período para solicitar praza nesta expedición tecnolóxica abrirase entre os días 18 e 24 de maio. Tras o proceso de admisión, descrito na páxina web do programa, arredor do 29 de maio confirmarase o grupo de participantes que poderá formalizar a inscrición definitiva.
Haberá dúas localizacións, en coordinación coa UDC e a Uvigo, e con 30 prazas por quenda. Así, na Coruña, o campamento terá lugar na Facultade de Informática da Universidade da Coruña con dúas quendas: do 22 ao 26 de xuño (agás o 24 de xuño, por ser festivo) e do 29 de xuño ao 3 de xullo.
En Ourense, realizarase unha quenda na Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense do 22 ao 26 de xuño.
O horario nas dúas sedes será de 9:00 a 14:00 horas, con servizos opcionais de madrugadores e comedor.
A Cátedra Aldaba-WIB foi creada en 2019 pola UDC, a UVigo e a firma Aldaba co obxectivo de promover a colaboración entre universidade e empresa para avanzar cara a un sector tecnolóxico máis igualitario e humano. Entre as súas principais liñas de actuación destacan o impulso do talento feminino nas TIC e o apoio ao estudantado para facilitar a súa inserción laboral.
